facebook     twitter

gripe
eu-galego
GriPe P nova pandemia Imprimir
Inicio - Outras novas
Martes, 06 Outubro 2009 14:32

 

Dados os tempos que corren convén protexerse contra unha grave pandemia que asola á sanidade pública dende fai uns meses, esta nova pandemia responde a unha mutación da gripe da trama pepera e da gripe privatizadora denominada GriPeP.

Resumo de prensa:  

Indicacións:

 

CIG-Saúde pon en marcha unha campaña para alertar sobre a “GriPeP” e os seus efectos na sanidade pública


Paralizouse o Plan de Mellora da Atención Primaria, o Plan de Saúde Mental e baleirouse de contido a Mesa Sectorial
Anemia orzamentaria; adelgazamento extremo, provocado pola diminución de recursos, servizos e persoal; conxestión, patente no incremento galopante das listas de espera e malestar xeral e irritación, que se contaxia a usuarias e usuarios e profesionais, son algunhas das características da “GriPeP”. Un mal do que alerta a CIG-Saúde e que ameaza con estenderse polos centros sanitarios públicos.


CIG-Saúde vén de pór en marcha unha campaña dirixida ao persoal sanitario e á poboación en xeral para informar das consecuencias que as políticas neoliberais que está a aplicar o novo goberno teñen sobre o sistema sanitario público e sobre a asistencia que se está prestando.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde -que presentou a campaña en rolda de prensa acompañada por varios membros da executiva da federación- explicou que desde o PP estase a promover un proceso de privatización encuberto pola vía da descapitalización do sistema aplicando o “rodillo parlamentario”. Unha descapitalización que se traduce en redución dos investimentos, redución de gastos, redución de persoal e aumento, en consecuencia, das listas de espera. Mecanismos que provocan o progresivo desprestixio do sistema e dos profesionais e que abocan aos usuarios a recorrer á sanidade privada, que é percibida, cada vez máis, como mellor.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, deste xeito, “os usuarios ven como se recortan dereitos básicos que contempla a Lei Xeral de Sanidade como a universalidade e a gratuídade”, ao tempo que se favorecen os intereses dos grandes lobbys empresariais, para os que a sanidade “é un codiciado negocio do que obter beneficios e non un servizo”.

Abuín alerta de que o PP pretende calcar en Galiza os modelos sanitarios implantados en comunidades nas que xa estaba gobernando, como Madrid ou Valencia. Comunidades nas que se tomou á súa vez como modelo o proceso de privatización que se deu en Gran Bretaña, e que tivo consecuencias nefastas. “Ao final é un sistema moito máis caro, porque o sistema público sempre ten que ir ao rescate, e os grandes lobbys empresariais son quen o definen pero quen paga é o sistema sanitario público”, sinala.
Diminución da actividade nos centros hospitalarios

O primeiro síntoma da “GriPeP” xa se está a advertir na diminución da actividade nos centros hospitalarios. Manuel González Moreira, membro da executiva de CIG-Saúde asegurou que “temos hospitais con camas baleiras, non por fata de doentes, non porque non haxa lista de espera, senón porque, por recorte do gasto, están deixando de facer actividade e polo tanto está empeorando a calidade do servizo sanitario que reciben os usuarios”.

Paralización do Plan de Mellora na Atención Primaria e do de Saúde Mental

González Moreira subliñou ademais que malia existir un acordo para a atención primaria –Plan de Mellora de Atención Primaria-, dirixido fundamentalmente a incrementar a capacidade de resolución neste servizo, e que consistía en incrementar os profesionais para conseguir ratios de pacientes máis axeitados ás necesidades dos usuarios, esta paralizado.

O mesmo ocorre co Plano de Saúde Mental, que era a grande esquecida da sanidade pública e para a que tamén estaba previsto incrementar os recursos materiais e humanos. “Todos estes síntomas, xunto coa anemia orzamentaria e o adelgazamento de recursos e servizos, quen o van sufrir non somos tanto os traballadores como os usuarios. Por iso queremos que con esta campaña a información chegue a eles e que sexan eles quen tamén lle fagan fronte”.

A Mesa Sectorial e o acordo de equiparación, desaparecidos

Se ben é certo que as consecuencias das políticas privatizadoras do PP van afectar de forma especial aos servizos que se prestan, os propios traballadores e traballadoras e as organizacións sindicais xa están a padecer os primeiros síntomas da “GriPeP”.Xan Ramón Fernández, da executiva da CIG-Saúde lembrou que até o de agora existía un sistema de negociación que pasaba pola reunión da Mesa Sectorial, na que estaban representados traballadores/as e administración, onde se trataban todos os problemas relativos ao sistema sanitario.

Porén, “desde que chegou o goberno PP a mesa perdeu todas as súas funcións, houbo algunhas convocatorias simplemente informativas, pero cargáronse a negociación. É un retroceso nunca visto en todos os anos que levamos de sindicalismo e de negociación co SERGAS”, lamentou Fernández, quen engadiu que “coa cantidade de problemas que hai enriba da mesa é imprescindíbel recuperar a Mesa Sectorial”.

En concreto, o representante da executiva da CIG-Saúde salientou, entre outros, a necesidade de negociar o sistema de traballo polas tardes para o persoal facultativo ou a suspensión do acordo retributivo que se pretende aplicar ao persoal estatutario.

Neste sentido, Abuín matizou a intención do goberno de Núñez Feijoo de facer pagar a crise aos traballadores e traballadoras da sanidade pública, ao non incluír nos orzamentos previstos para o vindeiro ano as partidas necesarias para garantir a súa equiparación salarial, acordada xa no ano 2008 e a aplicar nun período entre 2008 e o 2012. Un acordo salarial que no 2010 se traduciría nun incremento de retribucións dunha quinta parte do total referido ao lustro.

O acordo supuña incrementar as retribucións, en conceptos como nocturnidade, traballos en domingos e festivos ou nas noites do 24 e 31 de decembro e que en Galiza o persoal percibe moi por debaixo do que o fan os profesionais doutros sistemas de saúde.
Máis belixerantes que nunca

Desde a CIG-Saúde advirten que de manterse esta postura de intransixencia por parte do PP “seremos máis belixerantes que nunca e intentaremos non só mobilizar aos traballadores, senón tamén á cidadanía”, para defender o sistema sanitario público, advertía Victor Vila, outro dos membros da executiva da federación.

Unha mobilización que a CIG-Saúde entende que debe comezar pola denuncia por escrito nas unidades de Atención ao Doente das interminables listas de espera ou das probas diagnósticas que non chegan nunca e que derivará, se a situación persiste en mobilizacións na rúa.